Friday 17 de May de 2024

A Xunta custodiará o Fondo Bibliográfico e documental da Familia Carré no Arquivo do Reino de Galicia


– A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recibe, como doazón, este importante arquivo con un marcado valor cultural

– Anxo M. Lorenzo participa na presentación do fondo que inclúe 116 caixas, 21 mapas e planos, 19 impresos, 11 láminas, 1.158 fotografías, 127 postais, entre outros

– Contén documentación que abrangue os anos desde 1762 ata 1978

A Xunta de Galicia recibiu hoxe en doazón o arquivo da familia Carré Aldao e Carré Alvarellos no Arquivo do Reino de Galicia, onde se atopa xa gran parte do fondo documental e bibliográfico desta coñecida familia galega. Os fondos que compoñen o arquivo, agora titularidade da Administración galega, teñen unha gran importancia e calidade para o eido cultural e lingüístico, así como para o mundo empresarial e político.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da doazón no Arquivo do Reino de Galicia e puxo en valor a importante documentación que xa custodia a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. “Cando recibimos o fondo bibliográfico e documental partiamos da premisa do innegable valor cultural do seu contido, pero ao examinar os documentos achegados, o resultado superou con moito as expectativas iniciais”, asegurou Anxo M. Lorenzo.
O Arquivo da Familia Carré / Aldao / Alvarellos conten documentación que abrangue os anos desde 1762 ata 1978 e conta con 116 caixas, 21 mapas e planos, 19 impresos, 11 láminas, 1.158 fotografías, 127 postais e numerosos manuscritos de obras, así como libros e publicacións periódicas. Entre todos os arquivos atópase o testemuño directo, vivido e continuo do nacemento dos movementos galeguistas da segunda metade do século XIX e a primeira metade do século XX. Tamén reflicten a participación destas personalidades na fundación e desenvolvemento de institucións e movementos culturais e publicacións literarias.
No fondo tamén se inclúen aportacións doutros escritores como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, así como aportacións de destacados intelectuais e artistas coetáneos. Na súa abundante colección fotográfica aparecen todos aqueles que dalgún xeito participaron na vida social, cultural e intelectual da época, pero ademais, no que se relaciona coa súa faceta de editores, impresores e libreiros atopamos todo tipo de publicacións, folletos e programas.
Así mesmo, o arquivo tamén contén diarios que nos achegan a vida diaria dunha familia burguesa, “moi valioso para retratar o contexto social-económico de épocas como as da Guerra Civil e a posguerra”, destacou o director xeral de Cultura.
O legado do bisavó
Os bisnetos de Uxío Carré Aldao doaron o arquivo familiar e profesional do seu bisavó á Xunta, acompañado tamén dos documentos dos seus avós Lois e Eugenio Carré Alvarellos e outros membros da familia. Un arquivo ao que comezou a dar forma Uxío Carré e que os seus descendentes foron continuando pola súa implicación coa cultura galega.

Actualmente, os fondos teñen un gran valor por todo o que atesouran a prol da lingua e cultura de Galicia. Todo comezou coa creación dunha imprenta, litografía, papelería e libraría, epicentro de numerosos faladoiros. Tras o peche da libraría despregou unha intensa actividade cultural e divulgativa. Os seus pasos seguiunos Lois Carré Alvarellos, seu fillo, quen foi membro da Real Academia Galega (RAG) e se centrou na investigación etnográfica de campo.

Uxío Carré Alvarellos estivo moi marcado por un forte sentimento galeguista e as inclinacións literarias, dedicándose durante anos a impartir conferencias e leccións nas sociedades obreiras e recreativas dos barrios coruñeses, sendo nomeado académico adxunto da RAG. Tamén destacou a traxectoria de Leandro Carré Alvarellos, quen dinamizou o mundo teatral da época e ingresou no Seminario de Estudos Galegos.